Skip to main content
01

¿QUE É UN FONDO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE?

Un Fondo de Cooperación e Solidariedade é un organismo sen ánimo de lucro onde se reúnen concellos e outras institucións públicas e privadas cos seguintes obxectivos:

  • Contribuír ao desenvolvemento dos países empobrecidos do planeta mediante a constitución e a xestión dun fondo económico, que posibilite unha cooperación descentralizada e que incida no desenvolvemento humano e sustentable dos pobos do Sur.

  • Administrar e xestionar os fondos económicos entregados ao Fondo para proxectos de axuda aos países empobrecidos e para campañas de sensibilización sobre as causas que provocan o actual desequilibrio na repartición da riqueza entre os pobos do Norte e do Sur.

  • Fomentar e apoiar os esforzos das institucións oficiais, entidades e asociacións, para crear un clima de opinión favorable entre a cidadanía para a promoción dunha nova orde económica internacional.

  • Estimular a participación cidadá, mediante campañas e informacións axeitadas, nos proxectos de cooperación cos países empobrecidos e na construción dunha democracia máis participativa.

  • Colaborar para que sexa unha realidade destinar un mínimo do 0,7% do produto interior bruto a axuda pública para os países empobrecidos, segundo os acordos das Nacións Unidas subscritos polo Estado español.

  • Ser unha voz ética colectiva que denuncie calquera situación que atente de maneira grave contra os dereitos humanos e que poida presentar propostas de lei e propostas de resolución en favor da solidariedade e a cooperación en calquera ámbito de representación política.

02

¿QUÉ FONDOS AGRUPA A CONFEDERACIÓN DE FONDOS DE COOPERACIÓN E SOLIDARIDADE?

Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional

O Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional (FAMSI) é unha rede de gobernos locais e outras entidades nada no ano 2000 para coordinar o interese e os recursos técnicos e financeiros destinados á cooperación internacional para o desenvolvemento humano local.

Propicia o intercambio de experiencias entre Andalucía e outros puntos da xeografía mundial. Participa na elaboración de estratexias autonómicas, nacionais e internacionais de cooperación internacional para o desenvolvemento.

Vincula aos actores da cooperación descentralizada local andaluza cos doutros países do Sur e do norte, e con comunidades inmersas en procesos de desenvolvemento socioeconómico, contando co apoio da cooperación internacional.

O obxectivo do Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional é promover un mundo máis xusto desde a cooperación dos gobernos locais e a solidariedade andaluza mediante procesos de coordinación, participación e articulación en rede. O traballo do FAMSI aséntase no convencemento de que é necesario traballar pola consecución dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible contidos na Axenda 2030

O Fondo Andaluz conta, nestes momentos, cos seguintes socios: 82 municipios da comunidade, as deputacións provinciais de Cádiz, Córdoba, Huelva, Jaén e Sevilla, así como 68 entidades socias colaboradoras.

CONTACTO

Avda. de la Constitución, 24, 1 Pasaje de los Seises
Sevilla 41004
Tel. 957 497183
www.andaluciasolidaria.org
famsi@andalucia.org

Fons Català de Cooperació al Desenvolupament

O Fons Català de Cooperació al Desenvolupament é unha entidade sen ánimo de lucro nacida en xullo de 1986, formada por concellos cataláns e outras organizacións municipalistas (deputacións, consellos comarcais e mancomunidades), que destinan unha parte do seu orzamento para financiar accións de cooperación ao desenvolvemento e de solidariedade cos pobos dos países máis desfavorecidos. Xestiona de forma conxunta os recursos económicos achegados polas institucións asociadas, o que permite unificar os criterios de análise e avaliación dos proxectos e dispoñer dun equipo técnico de especialistas que facilitan un seguimento coordinado dos proxectos que se financian, superando a dispersión de esforzos, as duplicidades e as limitacións técnicas e económicas de moitos concellos. Actúa como instrumento de coordinación dos esforzos dos concellos cataláns nos casos de actuacións en situación de emerxencia e especialmente na postemerxencia e reconstrución. Promove coas súas actuacións, tanto no noso país como nos países desfavorecidos, a creación e a consolidación dunha sociedade civil activa e comprometida cos valores do desenvolvemento humano e os dereitos humanos, financiando proxectos que priorizan a participación directa da poboación beneficiaria e apoiando proxectos de sensibilización e educación realizados polas asociacións do noso país. Quere ser, a voz conxunta dos concellos cataláns comprometidos coa cooperación ao desenvolvemento e a solidariedade fronte a outras institucións nacionais, estatais e internacionais, reivindicando o papel relevante que teñen actualmente as administracións locais na promoción da cooperación descentralizada no Norte e no desenvolvemento local no Sur. Na actualidade, conta con 314 socios, dos cales 287 son concellos, 14 consellos comarcais, catro deputacións, unha mancomunidade e tamén 13 entidades e ONG. Aínda que en número aos concellos socios representan só o 30,3% dos municipios cataláns, agrupan o 85,5% da poboación de Catalunya.

Entidade de Utilidade Pública. En abril do 2002, o Consello de Ministros concedeu ao Fons a declaración de Entidade de Utilidade Pública (BOE 78 de 1/03/2003) en recoñecemento da labor do Fondo e da Transparencia da súa xestión

CONTACTO

Rambla S. Mònica 10 4 t 08002 Barcelona
Tel 93 41202602
www.fonscatala.org
fonscatala@fonscatala.org

Asociación de Entidades Locales Vascas Cooperantes – Euskal Fondoa

A Asociación de Entidades Locales Vascas Cooperantes Euskal Fondoa constituíuse no ano 1996 como instrumento de coordinación e apoio á cooperación descentralizada en Euskal Herria, que reúne todas as experiencias locais que funcionan en favor do desenvolvemento de relacións solidarias con institucións, organizacións sociais e comunidades do Sur. Sempre dentro do marco da cooperación local vasca ao desenvolvemento, a Asociación insta aos seus membros a asumiren o papel de axentes activos da cooperación, sen prexuízo de manter a autonomía e identificación local e cidadá dos programas, tentando acadar unha maior eficacia mediante accións conxuntas, intercambio de información e asistencia técnica. Máis aló da súa contribución á cooperación ao desenvolvemento, Euskal Fondoa esfórzase por fomentar valores de convivencia pacífica, baseada na xustiza, a igualdade, a tolerancia e a participación activa na vida social, cultural e política.

Euskal Fondoa ten como obxectivos:

  • Contribuír á cooperación cos países en vías de desenvolvemento mediante a promoción, financiamento e xestión de proxectos e programas de desenvolvemento económico e social e/ou de sensibilización.
  • Impulsar a participación das entidades locais na cooperación descentralizada e potenciar a coordinación entre as mesmas.
  • Asesorar ás entidades locais en materia de cooperación ao desenvolvemento e relacións internacionais.
  • Apoiar, e xestionar no seu caso, proxectos e programas que promovan un desenvolvemento sustentable dos países en vías de desenvolvemento, con criterios de igualdade e mutua colaboración e respecto ás culturas e ás identidades propias de cada comunidade.
  • Estimular a participación cidadá, mediante campañas e informacións adecuadas, nos proxectos de cooperación con países en vías de desenvolvemento.
  • Fomentar as relacións e a colaboración das entidades locais coas Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGD), colectivos de solidariedade e outras institucións ou organismos vinculados á cooperación ao desenvolvemento.
  • Contribuír á información e divulgación sobre temas de desenvolvemento e relacións entre o Norte e o Sur, e realizar e promover encontros, conferencias, cursos, seminarios e congresos.
  • Fomentar e apoiar os esforzos das institucións oficiais, entidades e asociacións para crear un clima de opinión favorable á promoción dunha nova orde económica internacional.
  • Ser unha voz ética colectiva que desde Euskal Herria denuncie calquera situación que atente de maneira grave contra os dereitos humanos nos países do Sur e que poida presentar, a través dos canles legais establecidos, propostas de lei e acordos de resolución a favor da solidariedade e a cooperación en calquera ámbito de representación política.

Cunha composición plural desde o punto de vista territorial e político, na actualidade agrupa 113 entidades locais e forais da Comunidade Autónoma do País Vasco e da Comunidade Foral de Navarra. Entre elas atópanse as tres capitais dos territorios históricos da CAPV e as Deputacións Forais de Gipuzkoa e Araba.

CONTACTO

Aieteko Jauregia. Aiete pasealekua, 65
20009 Donostia – San Sebastián
Tel. 943 428508
www.euskalfondoa.org
euskalfondoa@euskalfondoa.org

Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo

O Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo (FELCODE) é un instrumento das corporacións locais de Extremadura para impulsar a cooperación internacional ao desenvolvemento desde o ámbito local da Comunidade Autónoma. Foi constituído en marzo do 2002.

O Fondo Local Extremeño ten unha clara vocación municipalista non só pola súa orixe e constitución senón pola formulación e enfoque da súa actuación nos países en vías de desenvolvemento cos que coopera.

Os obxectivos do FELCODE son:

  • Contribuír desde o ámbito local estremeño ao desenvolvemento dos países empobrecidos mediante a constitución dun fondo económico.
  • Apoiar, no seu caso, proxectos e programas que promovan un desenvolvemento sustentable nestes países con criterios de igualdade, mutua colaboración e respecto ás culturas e as entidades de cada comunidade.
  • Fomentar e prestar axuda aos esforzos das institucións públicas, e entidades privadas de todo tipo que actúan en Estremadura para crear un clima de opinión pública favorable á promoción dunha nova orde económica internacional máis xusta, máis sa e solidaria.
  • Estimular a participación cidadá na cooperación solidaria ao desenvolvemento.
  • Colaborar para que sexa unha realidade o destino mínimo do 0’7% do PIB á axuda pública para os países subdesenvolvidos, segundo o acordo da ONU subscrito polo Estado español.
  • Asesorar as entidades locais en materia de cooperación ao desenvolvemento e relacións internacionais.
  • Fomentar, de forma especial, o papel e a coordinación entre corporacións locais, deputacións e goberno autónomo de Extremadura nas tarefas de cooperación solidaria para o desenvolvemento.
  • Promover a solidariedade como actitude xeneralizada en todos os estratos da sociedade estremeña.
  • Prestar atención especial á incidencia institucional na defensa dos dereitos humanos.
  • Contribuír á información e divulgación de temas de cooperación para o desenvolvemento e relacións Norte-Sur. Realizar e promover encontros, conferencias, cursos, seminarios, congresos.
  • Calquera outro obxectivo que se englobe na finalidade do Fondo e non sexa contrario á normativa legal vixente en cada momento.

FELCODE ten como eixos de actuación prioritarios:

  • Desenvolvemento local: promoción de iniciativas de desenvolvemento económico local baseadas na explotación sustentable dos recursos endóxenos.
  • Descentralización: apoio a procesos de descentralización político-administrativos. Transferencias de competencias ás administracións locais.
  • Asociacionismo municipal: favorecer os procesos de asociacionismo municipal que posibiliten desde a xestión mancomunada de servizos ata a planificación estratéxica de territorios supramunicipais.
  • Fortalecemento de administración local: encamiñado a mellorar a calidade e o acceso dos servizos públicos que se prestan a nivel local.
  • Capacitación e formación de cadros técnicos e políticos locais.
  • Participación cidadá: apoio á sociedade civil e impulso dos procesos participativos e de empoderamento social.

Actualmente o Fondo Extremeño Local conta con 200 socios, entre os cales se atopan as Deputacións de Badajoz e de Cáceres e mais as mancomunidades de Sierra de San Pedro, Tajo-Salor e Tentudía.

CONTACTO

C/ Godofredo Ortega Muñoz, 1, local 11
06011 Badajoz
Tel. 924 22 95 95 – Fax 924 22 95 96
www.felcode.org
administracion@felcode.org

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de carácter municipalista que agrupa a concellos e deputacións de todo o territorio galego. Foi fundado no ano 1997 e está integrado por preto dun cento de concellos comprometidos cos dereitos humanos, ademais das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.
O obxecto fundamental desta asociación consiste en configurar un instrumento legal que permita a confluencia e a asociación das vontades libremente expresadas polas administracións locais galegas para desenvolver unha eficaz política de cooperación ao desenvolvemento cos países máis empobrecidos, con criterios de sustentabilidade, igualdade de xénero e respecto aos valores culturais, así como promover un maior coñecemento e sensibilización da cidadanía galega cara ás desigualdades a nivel mundial.

As finalidades do Fondo Galego son as seguintes:

  • Contribuír desde o municipalismo galego ao desenvolvemento dos países máis empobrecidos e a promoción dos dereitos humanos.
  • Garantir unha cooperación municipalista galega con criterios de eficacia, eficiencia e profesionalización, tendo en conta as características do noso territorio, o que nos permite especializarnos en determinados sectores e ámbitos xeográficos.
  • Promover unha maior participación das entidades locais galegas nas políticas de cooperación.
  • Asesorar á administración local galega en materia de cooperación ao desenvolvemento.
  • Impulsar a participación da opinión pública e da cidadanía galega.
  • Fomentar as relacións e a colaboración das administracións locais galegas coas ONGD, colectivos de solidariedade e outras institucións para promover o intercambio de experiencias.
  • Incentivar a institucións públicas e privadas a que destinen o mínimo do 0,7% dos seus respectivos orzamentos ás políticas de cooperación ao desenvolvemento.
  • Fomentar o estudo e a investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento.

O Fondo Galego realizou ao longo destes anos máis de 150 proxectos en preto de 30 países empobrecidos, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, nos últimos tempos, Mozambique. Ademais, ofreceu axuda humanitaria ante conflitos bélicos e catástrofes naturais, como no terremoto de Haití ou no desprazamento de persoas refuxiadas. En Galicia, o Fondo Galego promove nos concellos socios numerosas actividades e materiais para sensibilizar á cidadanía sobre cuestións como a solidariedade internacional, a realidade dos países empobrecidos, a loita contra a pobreza e as desigualdades, a equidade de xénero, as persoas migrantes e refuxiadas, etc.

CONTACTO

Rúa Luis Braille, 40,36003 Pontevedra
Telf: 698 14 45 36
www.fondogalego.gal
comunicacion@fondogalego.org

Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació

O Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1993, como un instrumento de coordinación e apoio á cooperación descentralizada de Mallorca, coa intención de aglutinar os esforzos que as institucións locais e autonómicas (concellos, Consell e Govern) destinan para a solidariedade de Mallorca cos países do Sur. Ten como misión contribuír a mellorar as condicións de vida das persoas e comunidades de países do Sur mediante a constitución e a xestión dun fondo económico. Os recursos económicos que os concellos e as administracións socias achegan ao Fons Mallorquí destínanse ao financiamento de proxectos de cooperación e de emerxencia en países do Sur, e en iniciativas de sensibilización que levan a cabo en Mallorca. Os socios teñen un papel fundamental na tarefa de cooperación para alcanzar unha maior eficacia nas actuacións, pero tamén é importante a sensibilización da cidadanía sobre as causas que provocan as desigualdades entre os pobos do Norte e do Sur, e as consecuencias que comportan.Hai que impulsar unha nova forma de relación entre os pobos, sobre a base da xustiza e a solidariedade para todos para iso, potencia a súa posición como referente da cooperación municipalista e de ámbito local de Mallorca.

Os valores que sustenta o Fons Mallorquí son:

  • Participación dos socios e consenso á hora de tomar decisións.
  • Transparencia e eficiencia na xestión e na comunicación.
  • Diálogo e concertación coas institucións, entidades e asociacións.
  • Diálogo e cohesión interna do equipo técnico, con espazos para compartir achegas e propostas.
  • Innovación e creatividade para anticiparnos aos cambios da contorna e adaptarse á realidade de ámbitos e sectores de poboación diversos.
  • Reflexión e capacidade de aprendizaxe, avaliando o propio traballo e buscando sempre formas de mellorar a tarefa cotiá.

O Fons Mallorquí é o conxunto dos seus socios: 53 concellos de Mallorca, as mancomundades del Pla i des Raiguer, o Consell de Mallorca, el Gover de las islas Baleares, la Universidad de las islas Baleares y Justicia i Pau

CONTACTO

General Riera, 113
07010 Palma de Mallorca
Tel. 971 219820
www.fonsmallorqui.org
fons@fonsmallorqui.org

Fons Menorquí de Cooperació

O Fons Menorquí de Cooperació é unha entidade que propón e desenvolve as políticas de cooperación en Menorca, a través do impulso, financiamento e realización de proxectos e actividades.

O Fons Menorquí acompaña as entidades menorquinas, públicas e privadas, para que poidan facer fronte aos retos globais que inciden no ámbito local.

A razón de ser do Fons Menorquí de Cooperació é contribuír ao cambio global para que as poboacións máis desfavorecidas poidan alcanzar un desenvolvemento sustentable e o pleno exercicio dos seus dereitos.

O Fons Menorquí conta con tres modalidades de cooperación para despregar as súas intervencións de cooperación para o desenvolvemento humano sustentable:

  • Cooperación para o desenvolvemento humano sustentable.
  • Emerxencias, axuda humanitaria e refuxio.
  • Educación para a cidadanía global.

Actualmente o Fons Menorquí conta con 20 socios entre os que se atopan os oito concellos de Menorca, o Consell Insular de Menorca, o Govern de les illes Balears e dez ONGD.

CONTACTO

Carrer de la Pau, 21, baixos
07750 Ferreries
Tel. 971 37 35 09 – Fax. 971 37 36 12
www.fonsmenorqui.org
fons@fonsmenorqui.org

Fons Pitiús de Cooperació

O Fons Pitiús de Cooperació representa o compromiso das entidades públicas locais de Eivissa e Formentera coa erradicación das desigualdades que, no ámbito social, económico e político, existen no noso planeta.

É un axente de acompañamento aos gobernos locais parar contribuír ao benestar e a dignidade dos pobos e das persoas, como unha estratexia pública que toma como referencia a defensa dos dereitos humanos, a igualdade de xénero e a cultura de paz.

Impulsa a coordinación e articulación en rede para dar resposta aos retos globais que inciden no ámbito local.

Promociona a Educación para a Transformación Social como fórmula para avanzar na construción dunha cidadanía crítica, responsable, comprometida e activa.

As achegas que anualmente fan os seus socios destínanse a financiar programas e proxectos de cooperación, acción humanitaria e campañas e actividades de educación para a transformación social.

O Fons Pitiús agrupa a todas as institucións públicas de Eivissa e Formentera:  5 concellos da illa de Eivissa, o Consell de Eivissa, o Consell de Formentera e o Govern de lles Illes Balears.

CONTACTO

Arxiduc Lluís Salvador, 19 baixos
07800 Eivissa
Tel. 971 39 02 98
www. fonspitius.org
info@fonspitius.org

Fons Valencià per la Solidaritat

O Fons Valencià per a Solidaritat é a asociación dos concellos da Comunitat Valenciana para a cooperación ao desenvolvemento.

É unha asociación sen ánimo de lucro, os seus membros son concellos e mancomunidades de municipios da Comunitat Valenciana de todas as formacións políticas.

O Fons Valencià per a Solidaritat constituíuse no ano 1992 para contribuír ao desenvolvemento dos países empobrecidos, así como para sensibilizar a sociedade valenciana, desde o ámbito local, das problemáticas que sofren os países do Sur.

A entidade realiza e financia proxectos de cooperación e sensibilización coas achegas económicas que cada ano fan os concellos socios, achegas que constitúen un fondo económico que servirá para executar os proxectos aprobados.

Os obxectivos do Fons Valencià son:

  • Contribuír desde o ámbito local valenciano ao desenvolvemento dos países empobrecidos mediante a constitución e xestión dun fondo económico.
  • Administrar e xestionar as partidas económicas achegadas á asociación para proxectos de cooperación e para campañas e actividades de sensibilización.
  • Fomentar e dar apoio aos esforzos das institucións, entidades e asociacións da Comunitat Valenciana para crear un clima de opinión favorable á promoción dunha nova orde económica internacional mediante accións e proxectos (exposicións, charlas, actividades educativas, campañas, etc.).
  • Estimular a participación cidadá, mediante campañas informativas sobre a realidade da situación dos pobos empobrecidos e as súas causas, relacións Norte-Sur e os proxectos de cooperación con estes.
  • Facer realidade a achega mínima do 0’7% do Produto Interior Bruto á axuda pública aos países empobrecidos.
  • Promover que as institucións e entidades públicas e privadas valencianas colaboren en iniciativas de cooperación ao desenvolvemento.

O Fons Valencià está conformado actualmente por 106 concellos e 9 mancomunidades.

CONTACTO

Poetes Setabenses 2
46800 Xàtiva
Tel. 96 227 24 60
fonsvalencia.org