Despois de golpear Malawi como tormenta tropical, o ciclón Idai tocou terra preto da cidade mozambicana de Beira o 14 de marzo e ao día seguinte desprazouse cara Zimbabue. Dúas semanas despois, contabilizábanse mais de 700 mortes nestes tres países, 468 en Mozambique, onde tamén deixaba unhas 1.500 persoas feridas, aínda que as afectadas poderían ser arredor de 1.850.000. As augas contaminadas e a carencia de auga potable están propiciando a extensión do cólera, a diarrea e a malaria. Os servizos de educación e saúde locais víronse interrompidos, tamén os tratamentos para pacientes con VIH, que ten unha alta incidencia na zona.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, fundado en 1997, está a estudar nestes intres a mellor vía para apoiar a Mozambique, país co que vén colaborando desde hai case dúas décadas cunha decena de proxectos. Dous deles achábanse en activo nestes intres. Un para reducir os factores de risco que poden levar á mocidade a contraer adiccións, doenzas ou embarazos precoces, empregando o deporte como ferramenta, e outro para construír sistemas de abastecemento de auga a fin de que a poboación non teña que collela no río, evitando así as mortes polos ataques de fauna salvaxe.

O primeiro dos proxectos desenvólvense coa Fundação Encontro nos distritos de Boane e Naamacha, ao sur de Maputo, polo que apenas sufriron os efectos das inundacións. Porén, no segundo dos casos, a iniciativa lévase a cabo canda o municipio de Nhamayábue, que resultou afectado por fortes chuvias, ata o punto de que máis de 1.000 familias perderon a súa vivenda. Ademais, os catro sistemas de abastecemento construídos ficaron anegados, polo que serán necesarias tarefas de reparación. Doutra banda, o Fondo Galego está en contacto coa Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), que tamén solicitou a colaboración das administracións locais para contribuír a paliar os efectos do desastre.

Mozambique ten experimentado un crecemento considerable desde o Acordo de Paz asinado en 1992 que puxo fin a dezaseis anos de guerra civil, mais o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser dos máis baixos do planeta. A pobreza atinxe ao 55% da poboación, especialmente ás mulleres, e a esperanza de vida sitúase nos 57 anos. No entanto, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter esa situación, algunhas delas con colaboración internacional. Tal é o caso dos concellos e organizacións apoiadas polo Fondo Galego, que canaliza así as inquedanzas dun cento de concellos e deputacións de Galicia para contribuír á construción dun mundo máis xusto.