Manifesto | covid-19

Cooperación contra o coroavirus

A aparición dun novo virus altamente contaxioso, o COVID-19, deu a volta ao mundo en pouco tempo provocando miles de mortos.

A pandemia é global e as consecuencias tamén serán globais. As previsións de Nacións Unidas anuncian efectos devastadores en países sen sistemas públicos de saúde e protección social fortes para responder á extensión do COVID-19 entre a súa poboación. Unha situación que tamén afecta á poboación desprazada interna ou demandante de asilo en terceiros países que sobrevive apiñada en campos de refuxiados saturados onde non existen condicións de hixiene e salubridade para evitar o contaxio. Pero a afectación non só será sobre a saúde, senón que xerará unha recesión económica global e, en consecuencia, un aumento da pobreza, o desemprego, o desabastecemento, e a falta de alimentos e produtos de primeira necesidade nos países menos desenvolvidos.

Nun contexto global, abandonar á poboación dos países do sur á súa sorte non é unha opción. Por esta razón, unha vez saiamos do estado de alarma nos nosos territorios teremos que concentrar novamente os nosos esforzos solidarios en axudar a outros pobos e países menos preparados para resistir os efectos do coroavirus.

Se non actuamos globalmente, o risco de que o COVID-19 rebrote ou de que aparezan novas pandemias será cada vez maior. Vivimos nun mundo hiperconectado onde as enfermidades contaxiosas poden emerxer en calquera lugar e estenderse por todo o planeta. E, se algo aprendemos durante a pasada crise económica e o posterior ciclo de recortes, é o terrible efecto que tiveron as políticas de contención do gasto sobre a sanidade pública, deixando a poboación máis desfavorecida en situación de enorme vulnerabilidade. Agora que pagamos as consecuencias deses recortes é un bo momento para reformular a estratexia, reforzando os servizos sociais básicos e as políticas públicas de cooperación e solidariedade.

Para responder a este reto debemos pór en valor a capacidade dos gobernos locais na xestión de servizos fundamentais, especialmente en momentos de crise, mediante políticas públicas que garanten o acceso público á auga e saneamento, a recollida e tratamento de residuos sólidos, a xestión e prevención de riscos e desastres, ou o desenvolvemento económico local, entre outras. E reforzar a acción global dos gobernos locais impulsando políticas de cooperación cos municipios doutros países é vital para que estes poidan responder aos mesmos desafíos globais.

Neste sentido, a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad e os diferentes Fondos que a integran somos actores estratéxicos á hora de desenvolver acción política global e compartir as capacidades técnicas dos gobernos locais, executando políticas de cooperación e solidariedade para paliar o impacto da pandemia do COVID-19 e os seus efectos nos municipios dos países cos que cooperan. Como rede municipalista experimentada que dispón de capacidades instaladas nos países do sur, alianzas internacionais e un tecido asociativo colaborador amplo, xeramos resiliencia nas comunidades coas que traballamos, reforzando a capacidade de resposta dos gobernos locais socios.

Ante a ameaza do COVID-19, desde os Fondos de Cooperación e Solidariedade podemos contribuír a evitar futuros rebrotes e a conter o risco da extensión da próxima pandemia global, pero a nosa actuación non só se limita á resposta sanitaria inmediata, senón que se basea especialmente no fortalecemento das capacidades locais na xestión de servizos básicos de proximidade para afrontar calquera crise global con impacto local.

Por esta razón, desde a CONFEDERACIÓN DE FONDOS DE COOPERACIÓN Y SOLIDARIDAD  expomos – propoñemos aos gobernos municipais e supramunicipais, alcaldes ou alcaldesas e persoas electas, asinar e apoiar o presente manifesto como instrumento de posicionamento do municipalismo solidario para incidir na axenda global e comprometerse coa cooperación ao desenvolvemento como mecanismo de resposta para vencer o COVID-19 e fortalecer a institucionalidade local dos países menos favorecidos, colaborando cos procesos locais aliñados coa Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, garantía de dereitos humanos e vías sanitarias seguras.

En consecuencia, as e os abaixo asinantes facemos unha chamada a que as administracións locais manteñan o seu compromiso humanitario e reforcen as súas políticas de cooperación ao desenvolvemento e solidariedade internacional para erradicar esta e outras pandemias que azoutan o planeta. Ata que todos esteamos a salvo, ninguén estará a salvo. Só sairemos xuntos actuando globalmente. 

Descarga o manifesto “Cooperación contra o coroaviruso” (fai clic aquí)

Maio,2020